• Categorías

  • Escribe o teu enderezo de correo electrónico para subscribirche a este blog, e recibir notificacións de novas mensaxes por correo.

    Úneche a outros 3 subscritores

SOCIEDADES LABORAIS DE GALICIA


Benvidos ao novo blog da economía social de Galicia

Casos de éxito na economía social


A Escola de Negocios EOI, no marco do seu proxecto Sectores da Nova Economía 20 20, da a coñecer un interesante documento sobre a economía social no que presenta experiencias empresariais de éxito representativas dos valores e usos da Nova Economía co fin de comprender cales son as claves do éxito desta realidade que está xurdindo. Deste xeito EOI Escola de Organización Industrial busca fomentar as novas formas de xestión empresarial que, a través da introdución de metodoloxías de organización innovadoras e modelos de negocio baseados na creatividade e o talento, respondan ás necesidades de modernización da Peme española, axudando así a fomentar o emprego e o desenvolvemento do tecido produtivo en España.

Estas formas de xestión empresarial da Nova Economía 20 20 asentan os seus alicerces en valores como: Sustentabilidade, Creatividade, Transparencia, Participación, Responsabilidade, Tecnoloxía, Compromiso.

O proxecto pretende analizar no seu conxunto 20 sectores ou ámbitos de actividade económica que compoñan e comprendan experiencias empresariais novas baseadas nestes valores. Nesta primeira fase desenvolvida ao longo do primeiro semestre de 2010, cinco equipos de investigación de seis Universidades españolas analizaron 100 empresas de cinco sectores da Nova Economía para detectar as iniciativas de éxito que configuran e determinan os seus modelos de negocio. Os sectores que centraron a investigación son os seguintes: Economía Social; Economía Dixital; Industrias da Creatividade; Economía Aberta; e Economía Verde.

No libro que agora vos remitimos correspondente á Economía Social procedeuse a identificar e describir 20 experiencias empresariais de éxito dentro do sector a través da análise de varios indicadores. Entre estas experiencias están as de tres sociedades laborais.

Unha vez analizadas as experiencias da Nova Economía 20 20, resaltáronse 20 claves do éxito de cada sector, determinando e describindo a esencia e o valor diferencial dos seus modelos de negocio, así como as consecuencias estruturais e estratéxicas que poderían ter para un proxecto empresarial.

Este é o documento en castelán.

Celebradas as Xornadas de Sensibilización


O pasado día 1 de decembro celebramos en Vigo as Xornadas de Sensibilización sobre Sociedades Laborais, Emprendemento e Novas Tecnoloxías.

Nelas desgranamos os puntos fortes e febles da persoa emprendedora, onde ten que poñer o acento cando se plantexa unha idea de negocio, cales son os erros máis frecuentes e cales as características que axudarán á persoa a levar a bo porto a súa empresa.

En colaboración cuns asistentes participativos, fixemos a distinción entre boas e malas ideas, segundo distintos factores e perspectivas, e comentamos algunhas das axudas máis significativas para as novas empresas.

Así, falamos tamén da importancia da tecnoloxía no emprendemento, no funcionamento das empresas e na vida persoal, e analizamos o uso das redes sociais como ferramenta de potenciación do noso produto ou servizo.

Tamén expuxemos as características básicas das sociedades laborais, o perfil de proxecto emprendedor que encaixa mellor na forma xurídica e as potencialidades que ten para os emprendedores.

Foron unha mañá e unha tarde amenas e ¡esperamos que produtivas para os asistentes!

Ónde atopar unha idea de negocio


Se vos plantexades emprender, pódense dar dúas circunstancias: que xa teñades a vosa propia idea de negocio, ou que queirades emprender pero non teñades claro en qué sector facelo.

É importante contar con experiencia laboral previa no sector no que pretendades montar a vosa empresa.

No entanto, BIC Galicia pon á vosa disposición documentación interesante de cada sector para faceros máis sinxelo o voso análise de oportunidade.

Neste enlace atoparedes oportunidades de negocio, así coma oportunidades de negocio en entornos locais de Galicia.

Orixe das sociedades laborais


A orixe das sociedades laborais coincide coa crise económica sufrida en España a partir dos anos 70, motivada en parte pola crise do petróleo de 1973 e agudizada pola inestabilidade política durante o proceso de transición democrática.

A crise empresarial e a consecuente destrución de emprego, sobre todo na industria, obrigou aos gobernos a aprobaren unha serie de axudas que se canalizaron inicialmente a través do Fondo Nacional de Protección ao Traballo, organismo do Ministerio de Traballo nado ao abeiro da Lei 45/1960, do 21 de xullo, polo que se crearon os fondos nacionais para a aplicación social do imposto e o aforro.

Os traballadores reaccionaron ante o peche das empresas —co apoio dos movementos sindicais e incentivados con axudas públicas— mediante a adquisición dos seus activos e o inicio dos procesos necesarios de modernización.

Xa que logo, o nacemento das primeiras sociedades anónimas laborais é alleo aos principios autoxestionarios ou participativos que actualmente presiden esta realidade xurídica; pola contra, xorden debido á necesidade de solucionar con urxencia a perda de postos de traballo xerada pola crise industrial.

A primeira regulación desta figura xurídica prodúcese coa Lei 15/1986, do 25 de abril, de sociedades anónimas laborais, vinculada ás situacións de crise económica e reconversión industrial, e supuxo un paso importante cara á consecución de  novos métodos de creación de emprego e ao fomento da participación dos traballadores na empresa.

A Sociedade Anónima Laboral, como se denominou nun primeiro momento, é unha forma xurídica de creación xenuinamente española, aínda que posteriormente se regularon formas sociais análogas noutros estados latinoamericanos.

Tras once anos de vixencia da lei de 1986, promulgouse a vixente Lei 4/1997, do 24 de marzo, de sociedades laborais, que actualiza o réxime xurídico desta forma societaria e introduce como novidade a figura da Sociedade Limitada Laboral, que pola súa regulación flexible e o reducido custo da súa estrutura resultou ser a forma xurídica máis axeitada para as pequenas e medianas empresas e, daquela, a máis elixida. No momento da promulgación da lei vixente, o número de sociedades laborais dadas de alta na Seguridade Social era de 5.613, das que 5.149 eran sociedades anónimas laborais, e só 464 sociedades limitadas laborais, é dicir, estas últimas representaban apenas o 8 % do total. Trece anos máis tarde, no 2010, das 15.303 sociedades laborais existentes, 13.402 optaron pola forma de sociedade limitada laboral; é dicir, case un 90 %.

En Galicia, ata o ano 87, as sociedades anónimas laborais galegas eran un total de 49, que daban traballo, como socios e socias, a 448 persoas.

Ata 1998, ano seguinte á entrada en vigor da Lei 4/1997 de Sociedades Laborais, esta cifra elevábase a 374 empresas baixo a forma xurídica de sociedade laboral, que hoxe, segundo datos da Consellería de Traballo e Benestar, son 1.888, sociedades laborais, limitadas e anónimas, con 9.137 socios e socias traballadores.

Nos últimos estudios realizados en Galicia, ponse de manifesto o elevado crecemento dos sectores de servizos e construción, aínda que se mantén o carácter industrial co que naceu esta forma xurídica.

Campaña de AESGAL en favor do emprendemento