Orixe das sociedades laborais


A orixe das sociedades laborais coincide coa crise económica sufrida en España a partir dos anos 70, motivada en parte pola crise do petróleo de 1973 e agudizada pola inestabilidade política durante o proceso de transición democrática.

A crise empresarial e a consecuente destrución de emprego, sobre todo na industria, obrigou aos gobernos a aprobaren unha serie de axudas que se canalizaron inicialmente a través do Fondo Nacional de Protección ao Traballo, organismo do Ministerio de Traballo nado ao abeiro da Lei 45/1960, do 21 de xullo, polo que se crearon os fondos nacionais para a aplicación social do imposto e o aforro.

Os traballadores reaccionaron ante o peche das empresas —co apoio dos movementos sindicais e incentivados con axudas públicas— mediante a adquisición dos seus activos e o inicio dos procesos necesarios de modernización.

Xa que logo, o nacemento das primeiras sociedades anónimas laborais é alleo aos principios autoxestionarios ou participativos que actualmente presiden esta realidade xurídica; pola contra, xorden debido á necesidade de solucionar con urxencia a perda de postos de traballo xerada pola crise industrial.

A primeira regulación desta figura xurídica prodúcese coa Lei 15/1986, do 25 de abril, de sociedades anónimas laborais, vinculada ás situacións de crise económica e reconversión industrial, e supuxo un paso importante cara á consecución de  novos métodos de creación de emprego e ao fomento da participación dos traballadores na empresa.

A Sociedade Anónima Laboral, como se denominou nun primeiro momento, é unha forma xurídica de creación xenuinamente española, aínda que posteriormente se regularon formas sociais análogas noutros estados latinoamericanos.

Tras once anos de vixencia da lei de 1986, promulgouse a vixente Lei 4/1997, do 24 de marzo, de sociedades laborais, que actualiza o réxime xurídico desta forma societaria e introduce como novidade a figura da Sociedade Limitada Laboral, que pola súa regulación flexible e o reducido custo da súa estrutura resultou ser a forma xurídica máis axeitada para as pequenas e medianas empresas e, daquela, a máis elixida. No momento da promulgación da lei vixente, o número de sociedades laborais dadas de alta na Seguridade Social era de 5.613, das que 5.149 eran sociedades anónimas laborais, e só 464 sociedades limitadas laborais, é dicir, estas últimas representaban apenas o 8 % do total. Trece anos máis tarde, no 2010, das 15.303 sociedades laborais existentes, 13.402 optaron pola forma de sociedade limitada laboral; é dicir, case un 90 %.

En Galicia, ata o ano 87, as sociedades anónimas laborais galegas eran un total de 49, que daban traballo, como socios e socias, a 448 persoas.

Ata 1998, ano seguinte á entrada en vigor da Lei 4/1997 de Sociedades Laborais, esta cifra elevábase a 374 empresas baixo a forma xurídica de sociedade laboral, que hoxe, segundo datos da Consellería de Traballo e Benestar, son 1.888, sociedades laborais, limitadas e anónimas, con 9.137 socios e socias traballadores.

Nos últimos estudios realizados en Galicia, ponse de manifesto o elevado crecemento dos sectores de servizos e construción, aínda que se mantén o carácter industrial co que naceu esta forma xurídica.

Advertisements

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

%d bloggers like this: