Casos de éxito na economía social


A Escola de Negocios EOI, no marco do seu proxecto Sectores da Nova Economía 20 20, da a coñecer un interesante documento sobre a economía social no que presenta experiencias empresariais de éxito representativas dos valores e usos da Nova Economía co fin de comprender cales son as claves do éxito desta realidade que está xurdindo. Deste xeito EOI Escola de Organización Industrial busca fomentar as novas formas de xestión empresarial que, a través da introdución de metodoloxías de organización innovadoras e modelos de negocio baseados na creatividade e o talento, respondan ás necesidades de modernización da Peme española, axudando así a fomentar o emprego e o desenvolvemento do tecido produtivo en España.

Estas formas de xestión empresarial da Nova Economía 20 20 asentan os seus alicerces en valores como: Sustentabilidade, Creatividade, Transparencia, Participación, Responsabilidade, Tecnoloxía, Compromiso.

O proxecto pretende analizar no seu conxunto 20 sectores ou ámbitos de actividade económica que compoñan e comprendan experiencias empresariais novas baseadas nestes valores. Nesta primeira fase desenvolvida ao longo do primeiro semestre de 2010, cinco equipos de investigación de seis Universidades españolas analizaron 100 empresas de cinco sectores da Nova Economía para detectar as iniciativas de éxito que configuran e determinan os seus modelos de negocio. Os sectores que centraron a investigación son os seguintes: Economía Social; Economía Dixital; Industrias da Creatividade; Economía Aberta; e Economía Verde.

No libro que agora vos remitimos correspondente á Economía Social procedeuse a identificar e describir 20 experiencias empresariais de éxito dentro do sector a través da análise de varios indicadores. Entre estas experiencias están as de tres sociedades laborais.

Unha vez analizadas as experiencias da Nova Economía 20 20, resaltáronse 20 claves do éxito de cada sector, determinando e describindo a esencia e o valor diferencial dos seus modelos de negocio, así como as consecuencias estruturais e estratéxicas que poderían ter para un proxecto empresarial.

Este é o documento en castelán.

Advertisements

Celebradas as Xornadas de Sensibilización


O pasado día 1 de decembro celebramos en Vigo as Xornadas de Sensibilización sobre Sociedades Laborais, Emprendemento e Novas Tecnoloxías.

Nelas desgranamos os puntos fortes e febles da persoa emprendedora, onde ten que poñer o acento cando se plantexa unha idea de negocio, cales son os erros máis frecuentes e cales as características que axudarán á persoa a levar a bo porto a súa empresa.

En colaboración cuns asistentes participativos, fixemos a distinción entre boas e malas ideas, segundo distintos factores e perspectivas, e comentamos algunhas das axudas máis significativas para as novas empresas.

Así, falamos tamén da importancia da tecnoloxía no emprendemento, no funcionamento das empresas e na vida persoal, e analizamos o uso das redes sociais como ferramenta de potenciación do noso produto ou servizo.

Tamén expuxemos as características básicas das sociedades laborais, o perfil de proxecto emprendedor que encaixa mellor na forma xurídica e as potencialidades que ten para os emprendedores.

Foron unha mañá e unha tarde amenas e ¡esperamos que produtivas para os asistentes!

%d bloggers like this: